Concierto Tempada Primavera 2021 – Ensemble Vigo 430

Programa I
«Rexurdimento»

Programa

Sonata n.2 para violin e piano – L.V. Beethoven+

Allegro vivace
Largo Appassionato
Scherzo
Allegretto

Sonata op.138 para viola e piano– Camille Saint-Säens

 

Quinteto de corda n.2 – Felix Mendelssohn

 

Lir Vaginsky, violín
Lea Hennino, Viola

Ensemble Vigo 430

 

Severino Ortiz, Piano
Mario Peris, Violín
Ana Martínez, Viola
Isabel Figueroa, Cello


* Notas ao programa – Rosa del Río

De Beethoven a Saint-Säens: unha viaxe de 130 anos

Despois de meses de normativa variada, restricións e relativa pouca actividade cultural, este ciclo de primavera supón o inicio dunha nova viaxe. Curtiña, pero na que todos estabamos desexando involucrarnos.

Para iniciar esta viaxe temos que marchar ao corazón de Europa; ao que no século XVIII era o Sacro Imperio Romano Xermánico. Este estaba conformado desde a Idade Media por pequenos ducados, principados e reinos; entre todos eles escollían ao emperador encargado de rexer sobre todo cuestións vencelladas á política exterior; parte deses principados eran eclesiásticos, de xeito que á súa fronte o príncipe elector era, normalmente, un bispo ou arcebispo. Era o caso do electorado de Colonia, onde en 1770, na cidade de Bonn, nacerá Ludwig von Beethoven. Criado e formado nesta pequena cidade, tivo a sorte de que o príncipe elector de Colonia lle financiase dúas viaxes a Viena, entón a capital musical do continente. Da segunda viaxe non regresará a Bonn, permanecendo na capital austríaca para seguir a formarse como músico e para, pouco a pouco, facerse un nome. Será en Viena onde comporá a primeira das obras do programa. Unha sonata para violín e piano que topamos agrupadas xunto con outras dúas no que constitúe o seu Opus nº 12, composto en torno a 1797-1798 e adicado a un dos que foron os seus mestres en Viena, o compositor Antonio Salieri, músico sobresaínte e de gran influencia neses momentos na corte vienesa. Unha corte que, como moitas en Europa, vive ancorada nun sistema político, económico e social, o do Antigo Réxime, fondamente inxusto. Ese sistema onde os reis teñen todo o poder, onde a economía segue a ser maioritariamente de base agraria e onde a sociedade se divide entre uns poucos con privilexios e a meirande parte sen absolutamente ningún. Non o saben, pero en Francia xa hai anos que empezaron a cambiar as cousas, e o resto de Europa, por despacio que se avance, non vai ser unha excepción. As revolucións liberais que chegaron coa francesa en 1789, e os seus cambios viñeron, aínda que de cando en vez se dea un paso atrás, para quedarse.

De Viena marcharemos a outro lugar e a outro século. Voltaremos a Alemaña, aínda que formalmente non a poidamos chamar así, porque os antigos territorios do Sacro Imperio Romano Xermánico, parte dos cales nuns anos (en 1871) se unificaran nese novo Estado, aínda son independentes. Ao norte, na cidade libre de Hamburgo, cando Beethoven xa ten un nome feito en Viena e introduce a Europa no Romanticismo, nace Félix Mendelssohn, un músico que, a diferencia de Beethoven, nunca tivo problemas económicos nin tivo que esperar que ninguén lle financiase as súas viaxes para poder percorrer Europa, algo que fará durante boa parte da súa curta vida, buscando inspiración para as súas propias obras. Da súa man mergullarémonos fondamente na música do Romanticismo, a través deste Quinteto que compuxo nos últimos momentos da súa vida cando, anos despois de fundar e dirixir o Conservatorio de Leipzig e de facer malabarismos cos seus compromisos entre Londres, Berlín e a propia Leipzig, busca un descanso para a súa maltreita saúde na cidade de Franckfurt. Nese momento Europa vive somerxida nas vagas revolucionarias liberais que, en sucesivas ondadas (1820, 1830 e 1848) buscan acabar cos últimos resquicios de absolutismo e, progresivamente, ir dotando aos diferentes Estados onde van xurdindo, de réximes máis democráticos.

A nosa viaxe continúa nas primeiras décadas do século XX. As revolucións liberais que viviu Mendelssohn deron ás a un nacionalismo que, pouco a pouco, vai abríndose paso. A Europa do equilibrio entre as potencias, rota só pola guerra de Crimea ou polas tensións e os conflitos resultado das unificacións alemá e italiana, mantense, pero as tensións froito da política imperialista e o revanchismo por saldar vellos enfrontamentos, vellas rencillas, vannos deixar vislumbrar a unha Francia, a de Camille Saint-Säens, implicada xunto a outras catro grandes potencias na 1ª Guerra Mundial. Saint-Säens, que por data de nacemento podería englobarse igualmente no Romanticismo, abandeirará un novo estilo musical, pasando el mesmo por varias etapas compositivas, e deixándonos para os seus últimos meses ese Opus 168, a Sonata Bassoon en Sol maior, en orixe para clarinete e piano, que nos disfrutaremos transcrita para viola e piano grazas ao labor da solista que nos acompañará nesta viaxe en particular, Lea Hennino.