Tempada Outono 2021 – A percusión arredor do mundo

Programa I
«A percusión arredor do mundo»

Programa

Ivan Trevino “Catching Shadows” (Norteamérica)

Jarrod Cagwin “Always never again” (India)

Saul Cosentino & Oswaldo Tarantino “La Depre” (Sudamérica)

Joh. Seb. Bach “Chaconne, Partita nº2 BWV 1004” (Europa)

Nevojsa Zivkovic “Trio per uno” (África)

Minoru Miki “Marimba Spiritual” (Asia)

Solista: Conrado Moya (marimba)
Ensemble Vigo 430: David Rodríguez, Pablo Soto, Héctor Varela

Data:  18 de setembro, ás 20:00 h
Lugar: Auditorio Municipal do Concello

Xestión de proxecto e producción: Vania Collazo e Héctor Varela

* Notas ao programa – Pablo Nicolás

ENTRADAS ESGOTADAS

NOTAS AO PROGRAMA

Tanto a imposibilidade de moverse con liberdade nos últimos tempos como o importante prexuízo que supuxo a pandemia para a música e as artes escénicas serviron tamén, con non poucas dificultades previas, como fonte de inspiración para paliar o dano ocasionado con novas propostas. É por iso que o programa deste concerto traza un percorrido ao longo de moi diferentes lugares que convida a viaxar, neste caso, sen ningún tipo de restrición nin certificado Covid-19. O conxunto abordará un programa de marcada tinguidura ecléctica, cun compendio de obras que beben de moi diferentes correntes e influencias pero que, en moitos casos, gardan en realidade unha estreita relación a través desas mesmas fontes de inspiración.

América do Norte servirá de punto de partida por medio da evocadora Catching  Shadows, de Iván  Trevino. Orixinalmente composto para dúo de marimbas, e que gañará aquí en intensidade acompañado de batería, este encargo de Michael Burritt, profesor de percusión na Eastman School of Music en Rochester, esixe un dificultoso traballo de láminas inspirado nunha lista de reprodución que ambos escoitaron durante unha viaxe por estrada que serve aquí como pretexto para comezar tamén o particular periplo que propón o conxunto ao longo deste concerto.

Always never again, de Jarrod Cagwin, eríxese como o exemplo perfecto para comprender o eclecticismo predominante neste programa, pois o son que emana das dúas marimbas e os catro intérpretes que son necesarios dá boa conta das dispares influencias das que fai gala o compositor. A contención da sección central de Catching Shadows contrasta aquí coa deliberada incursión dun rico abanico de propostas rítmicas por parte de Cagwin. Todo iso por medio de claras influencias que tratarán de remitir ao espectador a Ghana ou Burkina Faso, con alusións á sonoridade do balafón, así como a India, por medio do uso de patróns rítmicos inspirados nos talas.

A tensa calma regresa ao programa por medio de La Depre, na que Saul  Cosentino traslada á audiencia ata América do Sur ao sumar á  marimba un  vibráfono cuxo tratamento na peza emula, por momentos, a sonoridade do  bandoneón. Todo iso nun tango a catro mans que foi tamén versionado ao piano en non poucas ocasións. Aínda que, no que a versións refírese, poucas pezas poden facer sombra ao elevado número de adaptacións que se realizaron a partir de non poucas obras de Bach, cuxa presencia no programa por medio da «Chacona» que pecha a Partita para violín non.2, BWV 1004 tradúcese nunha alta esixencia para o intérprete. Complexos saltos interválicos e pasaxes virtuosísticos danse a man no medio da difícil tarefa que supón trasladar á marimba o sombrío carácter que imprimen á peza as pasaxes tomadas dalgúns corais luteranos.

Diametralmente oposta resulta a sonoridade dos dous movementos de Trío per uno (Nebojša  Jovan Živković) cos que continúa o programa. No segundo deles, o complexo patrón rítmico que presentan os dous executantes no vibráfono é acompañado por un conxunto de crótalos suspendidos que achegan á pasaxe unha tinguidura case onírica. Moi distinto resulta o movemento co que se pecha a obra, no que a comuñón dos tres intérpretes debe ser total, pois presenta unha interesante alternancia entre pasaxes ao unísono e amálgamas de patróns que se entrecruzan con berros ou arengas cun resultado sempre efectista.

Marimba Spiritual, para marimba solista e trío, pecha o programa por medio dun achegamento a Asia da man de Minoru  Miki. A versión orixinal, para os catro intérpretes mencionados, esixe unha altísima concentración á hora de concertar a parte solista coefecto desexado por medio de idiófonos que emulan a tradición xaponesa. O autor plasma o sufrimento provocado pola fame en África durante a década de 1980 a través de dúas seccións altamente contrastantes. A primeira delas é un réquiem cuxo estatismo non permite dispoñer en ningún momento dunha clara sensación de repouso. Xa na segunda, Miki emula o festival de tambores de Chichibu (Xapón) por medio dunha enérxica e decidida resposta ao medo; un sentimento especialmente presente, aínda hoxe, en boa parte do planeta.

CONRADO MOYA

O solista de marimba Conrado Moya é na actualidade unha das figuras máis representativas do seu instrumento a nivel internacional, sendo aclamado polas súas extraordinarias capacidades técnicas e expresivas, e a súa entrega no escenario.

Conrado Moya desenvolve unha intensa actividade como solista de marimba por todo o mundo: realiza recitais, interpreta xunto ás principais orquestras, coros e bandas sinfónicas, e actúa en festivais internacionais como o PASIC de Indianápolis ―considerada a convención de percusión máis importante do mundo―, o Festival Internacional de Marimba de Guatemala, o Festival Internacional de Marimbistas de Chiapas ou o Festival Internacional de Música MercedesBenz de Shanghái, entre outros.

No ámbito da música de cámara, foi parte integrante de dúos, ensambles e agrupacións como Li Biao Percussion Group ou Marimba Quartett. Toda esta actividade lévalle a tocar nas principais salas de concerto de Europa, Asia e América, como o Liederhalle de Stuttgart, o Teatro Colón de Buenos Aires, o Teatro Julio Mario Santo Domingo de Bogotá, a Sala São Paulo, o Centro de Arte Oriental de Shanghái ou o Centro Nacional das Artes Escénicas de Beijing, entre outros. Entre os seus recentes e próximos proxectos destaca a estrea mundial do Concerto para piano e orquestra de Joaquín Rodrigo na súa versión para marimba -transcrito polo propio Conrado Moya e autorizado en exclusiva ao artista polos herdeiros do compositor-, xunto á Orquestra Filarmónica de Gran Canaria e o director Guillermo García Calvo, e posteriores interpretacións no Festival de Música Española de Cádiz, xunto á Orquestra Ciudad de Almería e Michael Thomas. Destaca tamén a estrea en Europa de ‘Everlasting Light’, réquiem para coro emarimba de Christos  Hatzis, xunto á Coral de Bilbao, no Museo Guggenheim de Bilbao e o Reina Sofía de Madrid; a estrea mundial de ‘Tres  Quadres  per a  Marimba’ de Albert  Guinovart, xunto á Banda Municipal de Barcelona, no marco do Festival  Emergents de  L’ Auditori; xiras por Alemaña e España xunto a  Katarzyna  Myć ka cun dos proxectos máis esixentes para dúo de  marimbas, as Variacións  Goldberg de  J. S.  Bach; ademais de diversos recitais como solista e clases maxistrais en España, Alemaña, Suíza, Colombia ou México.

Formado no conservatorio da súa cidade natal, Alacante, recibe ao mesmo tempo os consellos dos solistas Sisco  Aparici ( València) e  Katarzyna  Myćka ( Stuttgart). Para cando terminou os seus estudos na  Hochschule  für  Musik “ Hanns  Eisler” de Berlín, baixo a tutela do solista de percusión Li  Biao, Conrado Moya xa fora recoñecido con galardóns como o Primeiro Premio no Concurso Internacional de  Marimba “ConUCOpercusión”, o Premio Honorífico do Concurso de Interpretación Sociedade de Concertos de Alacante ou a Bolsa de Interpretación Musical da Asociación Pro-Música  Amadeo  L. Sala, destacando pola súa calidade como músico, así como polo seu traballo e compromiso para o futuro do seu instrumento.

Conrado Moya mantén un firme compromiso pola difusión e o desenvolvemento da marimba. É por iso que realiza frecuentemente colaboracións con artistas de diversas disciplinas, así como tamén con compositores recoñecidos e novas promesas da composición para marimba. Froito de todo iso nace «Silentium», o seu primeiro álbum de marimba solista. Igualmente, Conrado Moya realiza unha ampla laboura pedagóxica sendo convidado con regularidade a participar como docente en academias e clases maxistrais en España, Alemaña, Luxemburgo, Colombia, Canadá, EE.UU. e Xapón entre outros; así como xurado en concursos internacionais. Na actualidade é profesor de marimba no Centro Superior Progreso Musical (Madrid), Madrid Okho e Percusons (Valencia).

Conrado Moya é artista representante da firma de marimbas estadounidense Marimba one®, con quen desenvolveu ademais a súa propia liña de baquetas.

DAVID RODRÍGUEZ GARCÍA

Natural de Vigo, David Rodríguez é titulado superior de Percusión polo conservatorio superior de música de dita cidade, Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e Doutor pola Universidade de Jaén.

Becado pola Fundación Barrié de La Maza cursou o Postgraduate in Performance in Timpani and Percussion na Royal Academy of Music de Londres cos profesores Neil Percy, Simon Carrington, Dave Searcy, Eric Sammut e Colin Currie obtendo a cualificación de Distiction e os premios Avedis Zyldjian Award in recognition of excellence in the Art of Percussion” e o James Blades in Percussion Performance Award.

Durante o seu período de formación como intérprete foi membro titular da Xove Orquestra Sinfónica de Galicia, e da Xove Orquestra Nacional de España (JONDE), así como colaborador da Orquestra Sinfónica de Galicia e membro doutras agrupacións locais como a Orquestra Clásica de Vigo e a Banda-Escola de Música de Beade.

Tamén asistiu a diversos cursos e master classes con profesores como: Nick Woud, Jan Pustjens, Lorenzo Ferrándiz, Nancy Zelstman, Juanjo Guillem, Miguel Bernat, Bogdan Bacanu, Philipp Spiesser, Joe Locke, entre outros, e traballou baixo a batuta de directores como Sir Colin Davis, Mark Elder, Susanna Malkki, Victor Pablo Pérez, Jesús López Cobos, Alberto Zedda, Yan Pascal Tortelier, Pietro Rizzo, Jacov Kreisberg, Gianandrea Noseda, George Pelhivanian, etc.

Na actualidade, desde o ano 2008 é xefe do departamento de Percusión e Coordinador de Calidade no CMUS Profesional de Vigo, e na súa faceta interpretativa forma parte da Orquesta Vigo430 e do ensemble de música contemporánea Multiplensemble.

PABLO SOTO VICEIRO

Provinte dunha familia de músicos, Pablo Soto Viceiro é un percusionista galego con vocación cara o mundo orquestral.

Cursa os seus estudos musicais nos conservatorios Profesional ‘’Manuel Quiroga’’ de Pontevedra e Superior de Vigo baixo a tutela de David Outumuro e Carlos Castro; asistindo namentres a cursos e clases con músicos de renome nacional e internacional como Nick Woud, Bence Major, Jesús Porta, José Trigueros, Katarzyna Mycka ou Verónica Cagigao, entre outras.

Ten colaborado coa Orquestra Xoven da Sinfónica de Galicia (sendo integrante da mesma), a Orquestra Sinfónica Vigo 430, a Bruckner Akademie Orchester de München, Orquestra Filarmónica ‘’Cidade de Pontevedra’’ así coma con outras orquestras sinfónicas e bandas profesionais e populares do panorama galego. É tamén membro reserva da Xove Orquestra Sinfónica de Madrid e dos Encontros Orquestrais das Illas Baleares. Todo isto compaxinado coa laboura pedagóxica, exercendo como profesor na escola de música do seu pobo natal.

Ao longo da súa carreira actúa baixo a batuta de reputados directores como Paolo Bortolameolli, Vicent Alberola, Jordi Mora ou Irene Gómez-Calado e acompañando a excelentes solistas como David Grimal, Anastasia Kobekina, Luis Cansino, David Fons ou Jane Birkin.

 HÉCTOR VARELA DE LA FUENTE

Nace en Valladolid en 1995, desde moi novo estivo ligado á música e con tan só 6 anos comeza os seus estudos musicais na especialidade de Percusión con Roberto Gascón, finalizando os Ensinos Profesionais na especialidade de Percusión no Conservatorio Profesional de Música de Valladolid.

O seu gran interese polo mundo sinfónico, fai que complemente a súa formación orquestral con profesores da talla de Juan Antonio Martín, Cayetano Gómez, Bart Quartier, Bart Jansen, Víctor Segura, Raúl Benavent, Ricardo López, José Trigueros, Alejandro Coello e Antonio Ruiz, entre outros.

No ámbito profesional, foi membro de diversas orquestras para músicos novos do panorama nacional: Joven Orquesta Sinfónica de Valladolid, Joven Orquesta de la Universidad de Valladolid,  Orquestra  Xove Vigo 430 ou  Orquestra de Les  Encontres orquestrales de les Illes Balears e colabora con diferentes agrupacións sinfónicas profesionais: Orquesta Filarmónica de Valladolid, Orquesta Gaos, Orquesta Filarmónica Cidade de Pontevedra, Banda de Música de Pontevedra, Orquesta Sinfónica de Castilla y León, Orquesta de Amigos de la Zarzuela,  Orquestra Vigo 430, Orquestra  Segle  XXI,  Orquestra  Lauseta ou  Bruckner  Akademie  Orchestre, entre outras.

Tras finalizar os ensinos Superiores de Música no Conservatorio Superior de Música de Vigo co profesor Carlos Castro Roig, segue a súa formación no mundo de orquestral e camerístico sendo membro do grupo de cámara “Nebenstimme  Ensemble” co que realiza estreas mundiais.

Actualmente atópase virando pola xeografía española co recentemente estreado proxecto de folk-electrónico DULZARO, onde fusiona as súas dúas paixóns, a música sinfónica e o amor pola batería.