Concierto Tempada Primavera 2021 – Orquestra Sinfónica Vigo 430

Programa II
«Tormenta e Paixón»

Programa

Sinfonía n.8 para cordas – W. Herschel

Allegro Assai
Andante
Presto Assai

Concerto para viola e orquestra – F.A. Hoffmeister

Allegro
Adagio

Rondo

 

Marie Chilemme, viola

Sinfonía n.48 «Maria Theresia» – F.J. Haydn

Allegro
Adagio
Menuet
Finale

Isabel Rubio, directora
Orquestra Sinfónica Vigo 430


* Notas ao programa – Rosa del Río

o Sacro Imperio Romano Xermánico

Máis alá da súa profesión, os tres compositores do programa deste concerto teñen algo en común. Todos eles eran de orixe alemá. Pero a Alemaña que coñecemos hoxe é un Estado moi novo, de tan só 150 anos. Durante séculos, iso que chamamos Alemaña foi, simplemente, o Sacro Imperio Romano Xermánico. Pero que foi exactamente? Hoxe en día, para moitos, o concepto de Sacro Imperio Romano Xermánico resulta moi afastado, pero non era así no século XVIII…

Como concepto era moi ambiguo, lonxe dun Estado moderno ou como o poidamos entender hoxe en día; por algo afunde as súas raíces na Idade Media. Tratábase dun conglomerado de reinos, ducados e principados; estes topábanse aliados pero a súa alianza era extraordinariamente laxa, e só se mantiña pola lealdade que todos eles gardaban ao Emperador, que rexía cuestións vencelladas sobre todo á política exterior. Máis alá deste vínculo persoal entre todos eses reis, príncipes ou duques co emperador do momento, este non tiña un poder supremo sobre eles; non existía un exército permanente do Imperio máis alá do persoal do Emperador e aqueles príncipes que por lealdade se lle puidesen sumar en cada campaña militar. Os territorios que o conformaban, por outra banda, non tiñan fronteiras estables. Lonxe, polo tanto, da imaxe que podamos ter dun Estado moderno.

Aínda así, como entidade política perdurou ata o 6 de Agosto de 1806, cando tralo empurre e a forza conquistadora de Napoleón acabou por disolverse.

Por qué “Imperium”? Na Idade Media, esa palabra non só designaba a un imperio como un territorio sobre o que un señor posúe e exerce a soberanía; o “imperium” facía referencia a ese poder soberano e ao propio emperador, máis que a un espazo xeográfico.

Por qué “Romano”? Esa denominación topámola desde a súa orixe; desde que Carlomagno faise coroar polo Papa no ano 800 para darlle ao seu reino (o reino franco) unha maior dignidade, como “herdeiro” do vello Imperio romano; esa coroación, de xeito simbólico, outorgáballes aos emperadoresunha especie de dereito a protexer a toda a Cristiandade, e daballes unha especie de superioridade sobre o resto dos reinos, ducados e principados que integraban ese vasto territorio. De todos os xeitos, esa formalidade foi desaparecendo co tempo, e desde mediados do século XVI os Papas deixaron de coroar ao emperador, que simplemente reclamaron ese título baseándose no feito de que o resto dos príncipes electores o elixiran como tal…

Por qué “Xermánico”? Qué, ou quén, lle da esa cualificación de “alemán”? Históricamente, esa fórmula que todos nalgún momento aprendemos cando eramos estudantes, topámola por primeira vez en 1486. En orixe o Imperio estaba conformado por tres territorios: un francés, un italiano e outro alemán, pero desde principios da Idade Moderna (desde algún momento do século XVI), os emperadores renunciaron dalgún xeito á pretensión de poder exercer esa soberanía sobre territorios do norte de Italia ou do norte e nordeste de Francia (Lorena e Borgoña, sobre todo), para empezar a entender o Imperio como algo propio de xente xermanoparlante.

E como elixían ao emperador? Desde os primeiros séculos da Idade Media foise configurando un grupiño, entre todos os grandes señores do Imperio, que foi monopolizando ese dereito: eran os arcebispos renanos de Maguncia, Tréveris e Colonia (para este último traballaba o pai de Beethoven), o rei de Bohemia, o conde palatino do Rin, o duque de Saxonia (ducado no que naceu outro coñecido noso, Händel) e o marqués de Brandeburgo. Se vos preguntades por que eles e non outros, é porque así figuraban nunha das leis fundamentais do Sacro Imperio Romano Xermánico, a chamada Bula de Ouro (1356) do emperador Carlos IV. Non significa que ás veces non houbese cambios circunstanciais. Un príncipe elector podía quedar proscrito (pasoulle ao do Palatinado na Guerra dos Trinta Anos) ou podía ceder o seu dereito de forma excepcional a outro. A elección, por outra banda, era importante, porque os príncipes electores podían impoñer ao futuro emperador unha serie de condicións: que respectase os seus dereitos, liberdades e privilexios, ou que tivese que pedir o seu consentimento para calquera decisión relevante do Imperio.

Scroll Up