Concierto Tempada Primavera 2021 – Orquestra Barroca Vigo 430

Programa III
«Entre damas e meigas»

Programa

Rondelina

Obertura (Largo-Presto)
Ho perduto il caro sposo
Ombre piante

Agrippina

Obertura
È un foco quel d’amore
Ogni vento ch’al porto lo spinga
Se giunge un dispetto

Alcina

Obertura
Ah!, mio cor! schernito sei!
Ah! Ruggiero crudel – Ombre pallide
Tornami a vagheggiar

 

Obras de  Georg Friedrich Händel

Pavel Amilcar, director e violín
Eugenia Boix, soprano

Orquestra Barroca Vigo 430

Data:  13 de Xuño, ás 12:00
Lugar: Galería 3 do Museo MARCO

* Notas ao programa –Rosa del Río

A Inglaterra de Händel

Se ben Händel comezou a compoñer moi novo, os seus mellores anos compositivos e a maior fama que acadou estarán sempre vencellados á súa vida en Londres. Se falamos con propiedade, para cando Händel se asentou en Londres, o Reino de Inglaterra (xunto con Gales) xa levaba cinco anos, desde a sinatura da Acta de Unión o 1 de Maio de 1707, constituído xunto co Reino de Escocia, no chamado Reino Unido de Gran Bretaña.

Chegou a Londres a tempo de ver reinar á última monarca da dinastía dos Estuardo, histórica casa real escocesa que desde principios do século XVII reinaba igualmente en Inglaterra. Dela foi última representante Ana, irmá da raíña anterior, María II, ambas fillas do rei deposto en 1688, Xacobe II. Cando Ana faleceu en 1714, dous anos despois de que Händel chegase a Londres, foi escollido para sucedela no trono seu primo segundo Xurxo I de Hannover. A casa real chamará a atención, pois o apelido é claramente xermánico. Xurxo I de Gran Bretaña foi coroado o 1 de Agosto de 1714, pero levaba dezaseis anos á fronte do ducado e electorado de Hannover, como parte do Sacro Imperio Romano Xermánico. Á morte de Ana ascendeu como rei ao trono inglés pasando por diante dun sinfín de primos máis próximos á raíña que contaban co agravante claro,  nun país daquela fortemente protestante, de ser católicos, que foi o que acabou inclinando a balanza e facendo que a Casa de Hannover se fixese co trono británico. É a mesma que segue a reinar hoxe. A única diferencia (que non é menor) é que mudaron o apelido a Windsor cando estourou a 1ª Guerra Mundial, por aquilo de distanciarse de Alemaña, entón clara inimiga do Reino Unido.

Pero voltamos a Händel e a un século XVIII do que o compositor alemán pasará case cincuenta anos no Reino Unido, chegando ao punto de nacionalizarse británico. Falamos dunha Gran Bretaña que neses momentos avanza claramente por diante do resto de Europa. Politicamente por un feito incuestionable: Inglaterra foi o primeiro país de Europa en desfacerse dos monarcas absolutos, instaurando unha monarquía parlamentaria xa desde finais do século XVII, limitando o poder do seu rei na medida en que as leis as aprobaba (e moitas veces as decidía) o parlamento; un parlamento no que a nobreza rural, xunto cunha burguesía fortemente enriquecida polo comercio e as manufacturas, e que buscaba enriquecerse aínda máis, empregarían ese parlamento e a súa iniciativa lexislativa para favorecer os seus intereses económicos e comerciais. Esas medidas favorecerán, primeiro, un desenvolvemento da agricultura, do que chegará como resultado un crecemento demográfico sen precedentes; iso e outras medidas de carácter proteccionista constituirán un dos motores da industrialización inglesa; esa Primeira Revolución Industrial que colocará a Gran Bretaña na vangarda do continente europeo e a impulsará, xa desde o século XVIII, a construír o que será, no século seguinte, o maior imperio do mundo para, precisamente, obter materias primas, topar mercados para os produtos que saian da súa industria e o excedente demográfico resultado do seu crecemento.

Por suposto, tanto esa revolución industrial como esa expansión imperialista tiveron unha fonda e escura cara negativa, e sen dúbida habería moito aínda que falar… Pero quedará para unha futura nota histórica.

Scroll Up