A Orquestra

Orquestra Vigo 430

O proxecto da Orquestra Vigo 430 nace no 2005, aínda que adquire a súa configuración definitiva a partires do 2014. O seu obxectivo principal é dotar á cidade dunha formación orquestral profesional, constituída na súa maior parte polos máis brillantes expoñentes das novas xeracións de músicos galegos, así como por destacados músicos freelance do resto de España e do estranxeiro. Esta combinación entre talento propio e foráneo é unha característica que consideramos esencial para a obtención do resultado artístico que nos marcamos como obxectivo.

Entre os principais retos que persegue o proxecto está o do achegamento da música clásica a novos públicos potenciais, así como ás novas xeracións de oíntes. Perseguimos o obxectivo de eliminar a barreira psicolóxica que, para gran parte da poboación, existe á hora de achegarse a un concerto de música clásica.

Contamos co patrocinio do  Concello de Vigo, o cal permítenos desenrolar anualmente unha tempada de concertos estable.

Somos colaboradores, dende o ano 2014, da Asociación Amigos da Ópera de Vigo, participando desde ese ano en todas as súas tempadas operísticas. 

Temos actualmente subscritos convenios de colaboración coa Universidade de Vigo, así como co Conservatorio Superior de Música de Vigo. Somos así mesmo «orquestra adherida» da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas ( AEOS).

No ano 2014 recibimos o premio «Martín Códax» da música.

Proposta artística

O noso proxecto musical componse de tres liñas principais:

Orquestra Sinfónica:

constitúe o eixo principal do proxecto. O seu tamaño varía segundo o repertorio para interpretar entre os 20 e 70 músicos.

Orquestra Barroca:

unha formación especializada na música do período barroco e  preclásico, que emprega instrumentos de similares características aos da época na que a música foi creada, asi como criterios musicais e técnicos históricamente informados.

Ensembles de música de cámara:

queremos aproveitar a versatilidade que ofrecenos a formación sinfónica para combinar en cada concerto de música de cámara formacións heteroxéneas e variadas, ofrecendo desa forma repertorios que en poucas ocasións atópanse reunidos nun mesmo programa.

Ademais, ao longo de varias tempadas realizouse o proxecto  EscoitAntes, un ciclo de conferencias realizadas previamente ao concerto e que crea unha oferta didáctica sobre a programación, e achega a formación sobre música clásica ao público xeral.

430 HZ

Un estándar de afinación e unha filosofía de traballo

A creación de estándares de afinación foi unha das principais razóns que permitiron a evolución da música orquestral, que músicos de diferentes países e cidades puidesen tocar xuntos en calquera parte unha mesma partitura e dun mesmo xeito.

Foron moitos os diferentes estándares de afinación musical ao longo da historia, e incluso hoxe en día, a pesar de estar fixado pola Organización Internacional da Estandarización o la e 440 hz son moitas as orquestras que afinan en 443. Temos que ter en conta que esta estandarización non se produce ata o 1955 pero que dende a instauración da música tonal foron múltiples os intentos de regularización e varios os que acadaron un oco na historia da música.

A afinación a 430 Hz foi quizás a primeira baseada en estudios científicos e é coñecida como a afinación filosófica ou científica, por basearse na conveniencia matemática da mesma. Pero esta corrente, a pesar do seu corpus teórico, nunca obtivo o recoñecemento oficial que na época (S.XIX) si acadou o 435 e que se estableceu como ton internacional na conferencia sobre o ton de Viena de 1887.

A pesar diso o 430 foi un dos estándares más populares durante o período clásico. O proxecto Vigo 430 toma o nome desta afinación filosófica non polo seu interese en utilizala como estándar se non polos seus valores: o rigor, o carácter científico, o valor da argumentación e a importancia da pervivencia de propostas diferentes e da existencia de alternativas.

Scroll Up