Nova Tempada Outono 2021

Nova Tempada Outono 2021

A Orquestra Vigo 430 presenta o seu Ciclo de Outono 2021. Recuperando sensacións tras o peor da pandemia, este ciclo está composto por catro propostas musicais: o vindeiro sábado 18 de setembro (20:00 h. no Auditorio Municipal do Concello) terá lugar o primeiro dos concertos titulado “A percusión arredor do mundo” no que o Ensemble Vigo 430, nesta ocasión formado por un grupo de catro percusionistas, contará como artista convidado co marimbista Conrado Moya.

A este concerto seguiralle o 24 de outubro no Auditorio Martín Códax o programa titulado “As catro estacións segundo Piazzolla”, dedicado ao compositor arxentino no centenario do seu nacemento, e no que a orquestra contará como violin solista con Raquel Areal, ademais da dirección musical de Roc Fargas (Auditorio Martín Códax).

O 13 de novembro chegará outra colorista proposta do Ensemble Vigo 430 titulada “ Contos de fadas” coa violista exipcia Sindy Mohamed que actuará xunto con diferentes formacións camerísticas (Auditorio Martín Códax ás 20:00 h.)

O ciclo pecharase o 15 de decembro cun concerto moi especial, tanto polo seu contido como pola súa dedicatoria a Ana Novoa, quen foi xerente da orquestra durante máis de dez anos nos que o proxecto orquestral da Vigo 430 experimentou, grazas ao seu incansable traballo, un crecemento exponencial. Neste espectacular último concerto do ciclo interpretarase a obra de Cuchus Pimentel “Almudaina”, interpretada polo propio compositor e guitarrista xunto a Jorge Castañeda, ademais dunha selección de soadas bandas sonoras de John Williams e Ennio Morricone. Todo iso estará baixo a batuta da directora asociada da orquestra Isabel Rubio (Auditorio Municipal do Concello ás 20:00 h).

 

Museo MARCO

Auditorio do Concello