Coñece aos compositores – William Herschel

Coñece aos compositores

William Herschel

Compositor británico de orixe xermánica, a vida do compositor nacido en Hannover ten moitos trazos similares á vida doutro compositor alemán ben coñecido: George Friedrich Händel. Por que? Porque como Händel naceu no Sacro Imperio Romano Xermánico, e como el tamén, con vinte anos (ainda que por motivos diversos) decide trasladarse a Inglaterra, país que non abandonará xa e no que se acabou nacionalizando británico.

Fillo dun músico militar, influído polos seus pais decidiu estudar música, e como seu pai tamén, acabou ingresando no exército, pasando a formar parte da banda de música do rexemento de Gardas do Electorado de Hannover. O século XVIII non foi un tempo de paz, e como soldado pronto se viu implicado nun conflito internacional, ao estourar a Guerra dos Sete Anos (1756-1763). Hannover loitaba en coalición con Prusia e Gran Bretaña, e Herschel participou de xeito directo na batalla de Hastenbeck contra os franceses. A carnicería resultado da mesma marcouno ata o punto de abandonar o exército para marchar a Gran Bretaña, país que xa non abandonaría.

Asentado na cidade de Londres, alí continuará os seus estudos musicais, copiando partituras e dando clases de música para subsistir, chegando a se converter en organista, primeiro, e director de orquestra, despois. A iso sumaría unha razoable produción como compositor.

Pero a súa vida mudou case por completo, por puro azar, cando caeu nas súas mans un libro de astronomía. Ávido lector, curioso desde pequeno e con ganas de seguir aprendendo, o seu interese por esta ciencia foi o suficientemente relevante como para deixar de lado a música. Adicaría boa parte do que lle quedou de vida a estudar os corpos celestes, descubrindo o planeta Urano e adicándose a construír os telescopios máis perfectos do seu tempo…

Quizáis non sexa o compositor máis coñecido ou máis escoitado, pero ímolo recuperar para este Ciclo de Primavera.

No concerto do 13 de Xuño interpretarase a Sinfonía n.8 deste compositor

Extracto das notas ao programa realizadas por Rosa del Río para o concerto do 13 de Xuño