Coñece aos compositores – L.V.Beethoven

Coñece aos compositores

Ludwig Van Beethoven

O pequeno Ludwig naceu en Bonn un 16 de Decembro de 1770. Xa dende moi noviño se introduciu na música de mans de seu pai, músico na corte de Colonia, que buscaba cunha férrea educación musical (á par dunha férrea disciplina), un novo Mozart. Por sorte a súa formación musical e, quizais máis importante, a súa formación como persoa, quedaron pronto en mans dun profesor que non só lle ensinaría piano e composición senón que o imbuiría nuns ideais, os da Ilustración, que marcarían profundamente o seu pensamento e a súa vida.

Esta deu un salto cualitativo cando empezou a traballar como músico na mesma corte. Máis aló da súa remuneración, ese traballo granxeoulle amizades valiosísimas, pero ademais permitiulle ata en dúas ocasións e financiado polo príncipe elector, viaxar á, daquela, capital musical de Europa: Viena. A segunda vez, en 1792, faríao para xa non regresar a Bonn.

Non adoita tarefa sinxela seguirlle a pista a Beethoven en Viena, pois mudouse canda menos sesenta veces nos trinta e cinco anos que pasou alí, intentando entre mudanza e mudanza seguir a crecer como intérprete e compositor. Alí chegaría a publicación da súa primeira obra importante, seu Opus nº 1, publicado en 1794, e o seu primeiro concerto en público como compositor profesional, en 1795. Daba, pouco a pouco, os pasos para se converter nun dos compositores máis grandes e influíntes de todos os tempos, aínda que el daquela non o soubera. Pouco a pouco foron chegando as súas obras máis coñecidas, nuns anos de traballo compositivo case febril, que incrementaba dun xeito case inversamente proporcional ás súas aparicións públicas, limitadas cada vez máis pola súa progresiva xordera, que o faría sentirse cada vez máis illado nos seus últimos anos de vida, o que non impediría a estrea triunfal de moitas das súas obras, nin que ao seu funeral, en 1827, acudisen a frioleira de 20.000 vieneses. Foi, posiblemente o seu penúltimo gran logro, porque o derradeiro, sen dúbida, o constitúe a enorme influencia que tivo sobre todas as xeracións de intérpretes e compositores posteriores.

No concerto do 15 de Maio interpretarase a Sonata n.2 para violín e piano deste compositor

Extracto das notas ao programa realizadas por Rosa del Río para o concerto do 15 de Maio

Scroll Up