Coñece aos compositores – Felix Mendelssohn

Coñece aos compositores

Felix Mendelssohn

Na súa familia respirábase cultura; neto dun filósofo da Ilustración alemá procedente de Saxonia, a súa familia non só era culta, se non que nela había cartos abondo para pagar todos os profesores habidos e por haber, para cultivar todas as artes; o pequeno Félix falaba varios idiomas, debuxaba ben e cedo, moi cedo, comezou a destacar polo seu virtuosismo ao piano.

Esa independencia económica da súa familia permitiulle igualmente vivir desafogadamente, viaxando por toda Europa e empapándose daqueles lugares que visitaba, das súas tradicións e da súa música, algo que reflicten igualmente moitas das súas composicións.

Compuxo coma poucos, tocando moitos xéneros, desempeñando un importante papel no rexurdimento do interese pola obra de Johann Sebastian Bach. Hoxe ningún dubida do xenio indiscutible do “avó” de todos os compositores. Enorme, prodixioso. Compositor de auténticas “catedrais musicais”… Por iso mesmo é difícil encaixar que durante case século e medio a súa obra fose, en xeral, descoñecida. En 1823, a avoa dun noviño Félix regaloulle un dos seus máis valiosos tesouros: unha copia da “Paixón segundo San Mateo”, de Bach. Poñer en marcha a representación da obra era unha tarefa inconmensurable que non estaba ao alcance de case ninguén. Pero Mendelssohn o fixo… Con 20 anos. Ao longo do que lle quedou de vida as homenaxes ao gran mestre do barroco foron constantes e espertaron un interese imparable, e un respecto progresivo pola obra do mestre.

Mentres, non deixaba de compoñer, encadeando viaxes tanto para formarse e buscar inspiración como para darse a coñecer noutras terras, destacando as súas viaxes a Gran Bretaña, Italia ou Francia, que alternou coas súas estadías en diferentes cidades alemás, onde non só fixo renacer o interese pola obra de Bach, senón tamén pola de Händel. Asentado en Leipzig, onde fundará o seu Conservatorio, foi incrementando gradualmente o seu prestixio, pero a súa mala saúde, agravada polo exceso de traballo e as continuas viaxes, nolo arrebatarán, como a outros, moi novo. En 1847, con 38 anos…

No concerto do 15 de Maio interpretarase o Quinteto de corda n.2 deste compositor

Extracto das notas ao programa realizadas por Rosa del Río para o concerto do 15 de Maio

Scroll Up