Coñece aos compositores – Camille Saint-Säens

Coñece aos compositores

Camille Saint-Säens

O pequeno Camille, nado en París, non chegou a coñecer a seu pai, que morreu de xeito prematuro de tuberculose. Criado pola súa nai en casa da súa avoa paterna, foi esta quen o introduciu no piano, instrumento para o cal se amosou especialmente dotado. Comezouno a tocar con apenas un par de anos, sendo tamén moi rapidiño en compoñer, conservándose a súa primeira peza, de cando tiña menos de cinco anos, da Biblioteca Nacional de Francia. Esa extraordinaria precocidade fíxose extensiva ao resto da súa formación.

Con once anos debutou en público, abraiando polo seu extraordinario repertorio, e ofrecendo como propina tocar calquera das trinta e dúas sonatas para piano de Beethoven de memoria. Puido ser o comezo dunha brillante carreira musical, pero súa nai era partidaria de que seguise os seus estudos ordinarios uns anos máis, ata que en 1848 accedeu ao Conservatorio de París. Acadou boas notas e premios importantes, pero non o Premio de Roma, do que foi rexeitado por ser moi novo… Cando aos dezaoito anos presentou a súa primeira sinfonía, fíxoo de xeito anónimo, para evitar que pola súa idade non o tomasen en serio…

De xeito paralelo á súa tarefa como compositor, comezou a traballar como organista. Ambos traballos permitironlle coñecer e tratar como amigos a compositores da talla de Liszt ou Berlioz, ou intérpretes como Pablo Sarasate. Tamén adicou algúns anos ao ensino, traballando con futuros compositores notables, como Cécile Chaminade ou Gabriel Fauré, de quen tamén seria moi amigo.

O estourido da guerra franco-prusiana de 1870 fíxoo militar no exército francés. A experiencia foi breve pero marcouno profundamente. Namentres daba concertos e recitais para os soldados e mesmo tivo tempo para poñer en marcha a Sociedade Nacional de Música, buscando darlle unha volta á música francesa e contribuíndo á estrea de moitas obras de compositores franceses. Para el, comezaban igualmente os seus anos de máximo nivel compositivo. Anos de madurez que alternou con viaxes por Europa, o norte de África, América e mesmo o Lonxano Oriente. Os recoñecementos, as xiras, o contacto cos grandes músicos de finais e de principios do século XX foron constantes. No ano no que cumpría 75 anos de carreira pianística, faleceu en Arxel, deixando un legado impresionante á par que complexo. Adalid da máis absoluta modernidade musical en determinados momentos da súa vida, pasou por outros como un gran reaccionario… Deixou, en calquera caso, unha produción de case catrocentas obras, percorrendo o Romanticismo e sendo parte tamén do cambio musical que se dá nas primeiras dúas décadas do século XX.

No concerto do 15 de Maio interpretarase a Sonata op.168 para fagot e piano deste compositor, arranxada para viola por Lea Hennino

Extracto das notas ao programa realizadas por Rosa del Río para o concerto do 15 de Maio

Scroll Up