Suspendido o Ciclo de Outono da OV430

Dada a situación actual coa crise sanitaria da Covid19, a OV430 acordou fai semanas adiar o concerto correspondente ó presente mes de novembro. O mesmo, ‘A música de cámara de Beethoven’, coa participación da violinista Lir Vaginsky, estaba previsto para o pasado día 17, e formaba parte do Ciclo de Outono, unha programación que conta co patrocinio da Concellería de Cultura do Concello de Vigo, e que abarcaba os últimos meses deste ano 2020. Agora, a Orquestra Sinfónica Vigo 430, acordou aprazar tamén o concerto correspondente o próximo mes de decembro

O mesmo, ’Almudaina – Concerto para dúas guitarras flamencas de Cuchús Pimentel’, estaba enmarcado tamén dentro do Ciclo de Outono. Adiando ambos compromisos, a OV430 da por suspendido o Ciclo, do que soamente leváronse a cabo dous concertos: ‘Beethoven e Chopin’, no mes de outubro, e ‘Johann Sebastian Bach’ o pasado mes de setembro. 

Pese a que segue a ser posible celebrar eventos, a situación esixe que neste momento os aforos sexan tremendamente reducidos. A OV430 apostou durante os últimos meses por seguir facendo concertos, todos eles coas medidas de prevención pertinentes seguindo os distintos protocolos, máis nesta ocasión, tendo en conta o preocupante das cifras da pandemia estas últimas semanas, a decisión máis sensata é a de esperar.

A dirección da OV430 non considera correcta nin positiva a cancelación de concertos, polo que xa traballa en buscar novas datas nas que poder desenvolver ‘A música de cámara de Beethoven’ e ’Almudaina – Concerto para dúas guitarras flamencas de Cuchús Pimentel’; reanudará a súa actividade cando as circunstancias permitan facelo, con tódalas garantías

Grazas pola vosa comprensión, esperamos voltar moi pronto!

Scroll Up